Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2018.) |
O punto de cruz é unha forma popular de bordado en que se usan puntadas con forma de cruz para formar unha imaxe. Emprega tamén outras puntadas, entre elas as de ¼, ½, ¾ e de punto atrás. O punto de cruz realízase usualmente sobre tecidos de trama uniforme e distinguible, e con menos frecuencia en tecidos de trama non uniforme, colocándolles encima un tecido de trama uniforme (cañamazo) que se retira fío por fío ó finaliza-lo bordado.
A súa gran difusión pódese deber á gran posibilidade de elementos que ofrece, xa sexan zanefas, debuxos, cadrados, alfabetos etc. Aplícase tanto ao bordado propiamente dito como á tapicería. Neste caso, o punto de cruz realízase sobre cañamazos previamente marcados, que mostran cada unha das rexións de cada cor a bordar. A máis importante particularidade do punto de cruz é a súa gran posibilidade de esquemas e debuxos en multitude de tecidos, aplicándose, entre outros, en mantelerías, colchas, panos, roupa de cama, toallas.
No punto de cruz contado, o tecelán conta os fíos en cada dirección para que as puntadas sexan uniformes en tamaño e aparencia. En ocasións, o punto de cruz realízase sobre deseños impresos no lenzo, que amosan cada unha das cruces a bordar (punto de cruz estampado).